Da medida das cousas.

Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada Terra é coma se fora o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo de norte a sur, de leste a oeste noutro tanto; poderala volver a andar outra vez e máis. Non a has dar andado. E cada vez que a andes has atopar cousas novas e outras has botalas de menos. Pode ela ser pequena en extensión. En fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves. [...]

Do grandor do teu espíritu depende todo; canto máis pequeno sexa máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa Terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con tódolos seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; pequeno es ti, que endexamais poderás concebir nada grande.

Vicente Risco (Da medida das cousas)


domingo, 24 de abril de 2011

A NOSA LINGUA

DEITADO FRENTE AO MAR...

"Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
de unha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.


Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bós que sofren longo
unha historia contada en outra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de todos os que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada frente ao mar, ise camiño..."


(Celso Emilio Ferreiro)

No hay comentarios:

Publicar un comentario